Boas a tod@s! Como ides levando esta "encerrona"?
Hoxe quérovos ensinar o cadrante do 100!
O cadrante do 100 é unha ferramenta que temos nas aulas de 4 e 5 anos e que se emprega para coñecer os números (do 1 ao 100) e que ten moitísimas posibilidades.
Trátase dunha táboa na que se distribúen os números en filas e columnas da seguinte maneira.
Este cadrante diferencia os números entre "familias de..." ou "amigos do..." .
Explícome: as familias son todos os números que empezan igual. Por exemplo, todos os números de dúas cifras que comezan por 1 son da familia do número 10 (que é o avó e vixila dende a fila de arriba para que todos os da súa familia se porten ben").
Deste xeito, todos os acabados en 0 son os avós.
E aquí teríades o exemplo de dúas familias:
Pola súa banda, todos os números que rematan igual son amigos da cifra correspondente, tal como se amosa nos exemplos.
Agora que sabemos estas tres reglas do cadrante... é moi fácil traballar con el. Trátase de descompoñer cada número e dicir de quen é familia e de quen é amigo. No exemplo, o número 64 sería familia do 60 e amigo do 4!
Con isto todo claro podedes empezar a xogar. Será necesario que teñades a man un cadrante do 100 (podedes imprimir a primeira imaxe, facelo vós e así tamén pasades o tempo, ou buscar en internet, o que prefirades!). Aquí poño un par de exemplos para xogar, pero podedes inventar outros xogos!
- Adiviñar que número estou pensando: Dígolle á nena/o a súa familia e o seu amigo, e ten que atopar o número e dicir como se chama! Imos cambiando a quenda. Ao principio empregade por exemplo so a familia do dez, e pouco a pouco ide aumentando as familias. Máis complexo aínda é so dicirlle unha das características (ou a familia ou o amigo) e que teña que ir dicindo ao chou ata dar co número que se corresponde!
- Podemos tamén xogar cuns dados: a primeira tirada dime a familia, e a segunda dime o amigo. Primeiro un xogador, e despois o outro. A quen lle tocou máis grande? A quen máis pequenos? Cantos números me faltan para chegar ao teu?
-Podemos aproveitar para dar saltos tamén no taboleiro: que pasa cando, estando nun número, conto dez? Podo atallar entón saltando un cadrado para abaixo porque xa sei que son dez?
Espero terme explicado o mellor posible! Xa me contaredes que tal vos foi, iso si, recordade ir pouco a pouco, que aínda que xa fixemos varias veces na aula non todos imos ao mesmo ritmo!
Os vindeiros días pondremos máis xogos relacionados coas matemáticas manipulativas.
A xogar!
Alba.