Ola familias!
Como xa sabedes no cole estabamos a traballar co método de lectoescritura "O país das Letras" ao que podedes ter acceso dende as apps de Edelvives que compartimos xa hai uns días. Como sei que non todos tedes a opción de deixarlle aos nen@s o ordenador, deixovos aquí unha lista de reprodución de Youtube onde aparecen, en castelán, recollidos todos os contos. Navegando un pouco máis tamén podedes atopar as cancións.
No cole estabamos traballando as letras N/Ñ, así que podedes repasar ata ese conto e ir ampliando pouco a pouco segundo a necesidade dos vosos fillos.
Se preferides os contos en formato papel para lérllelos vós aos nen@s escribídeme un correo-e e mándovolos. Tamén podería pasarvos algunha "cartilla de lectura" seguido a progresión do propio método se a alguén lle fixera falta.
Nós para axudar na lectura e na escritura o que adoitamos facer é esaxerar moito os xestos na cara cando realizamos os fonemas para facilitarlles aos nen@s a identificación dos mesmos.
Tamén podemos aproveitar a facer pequenos xogos con eles como os de buscar e dicir palabras que comecen por un determinado fonema ou que o teñan no medio. Sen "querelo" estaremos axudándolles para a posterior lectura.
Outra cousiña para reforzar á lectura é que escriban. Calquera cousa vale, poñer etiquetas as cousiñas que atopamos pola casa, inventar novas palabras e escribilas...
Tedes que ter en conta que hai moitas letras que aínda non coñecemos e non foron presentadas na aula, por iso lles pode costar un poquiño máis. Por exemplo, se quixeran escribir "chocolate" aínda non terían porque coñecer que letras fan o sonido "Ch". Eu o que faría sería dicirlle como se escribe (primeiro en maiúscula, xa que son as que eles coñecen á perfección, e logo en minúscula) e dicirlle esaxeradamente como sona. Podedes aproveitar para ir a visionar no youtube o conto desa letra en concreto,a ver que historia conta para que os nen@s o relacionen.
Espero que isto vos sirva de algo, e recordade que pouco a pouco! Cada neno/a ten o seu ritmo e non debemos tampouco agobialos demasiado! Hai tempo a aprender de todo!
Boa fin de semana!