twitter
rss

Seguindo co fio do cadrante do cen, hoxe preséntovos algunhas actividades máis de matemáticas manipulativas que realizamos na aula.

1. Celdas

Cadrante do 100
Celdas

 A partir do cadrante do cen podemos cubrir unhas celdas coma estas. No centro ponse un número escollido ao azar, e debemos cubrir a cruz atendendo ás casas segundo o cadrante: no centro da cruz o número elixido, arriba dez menos, abaixo dez máis, á dereita o inmediatamente anterior e á esquerda o inmediatamente posterior. A medida que fagamos o exercicio e teñamos claro como cubrir, podemos facelo sen mirar o cadrante. Esta actividade está moi ben tamén para facer cos irmáns maiores!

2. Exercicios de subitización.
Subitizacion con pompóns
A subitización é a capacidade de faer un cálculo aproximado segundo o cal sabemos identificar unha cantidade sen necesidade de contala. Por exemplo,  cando vemos unha man aberta, todos sabemos que hai cinco dedos sen necesidade de contar dedo a dedo Para traballar a subitización  na aula usamos este material. Eu, ou un dos nenos, sumerximos o depresor con velcro na caixa chea de pompóns. A continuación facemos un barrido rápido ensinándolle aos demais nen@s  de maneira que se fagan unha idea de cantos pompóns hai e agochamos. Logo dicimos as nosas apostas e comprobamos. Podedes facelo con calquer obxecto que teñades  na casa, por exemplo tapóns dos cartóns de leite: colledes un puñado, poñédelo na mesa e a continuación tapar cun papel, un xornal... cantos hai agochados debaixo?
Outra maneira de traballala é xogando cos dedos das mans ou mesmo xogando con dados, dominós...


3. Oveiras

Oveiras


Para traballar a serie numérica, números pares, impares... empregamos estas oveiras que decoramos xa o curso pasado. Trátase de meter tantos obxectos na oveira como o número que indica. Se o facemos cunha pinza ademais traballamos a motricidade fina!











4. Cantos viven aí?

Cantos viven aí?

Agora que estamos encerrados nas casa podemos xogar a "Cantos viven aí". No tellado do edificio indícase cantas persoas poden vivir en cada planta do edificio, pero, ollo! Non podemos repetir entre plantas, para que o edificio non se desequilibrie e non se derrumbe! No cole axudámonos con obxectos como na foto. O máis sinxelo é coller primeiro tantos obxectos como o número escollido, e logo repartir en cada planta. 




6. Matamoscas.

Matamoscas
Esta é igual máis complicada para facer na casa, pero seguro que se vos ocorren outras maneiras de facer algo parecido! No matamoscas temos pegado velcro, e detrás das moscas tamén. Procuramos "matar" as moscas e contamos: cantas verdes pillei? e cantas brancas? laranxas? hai máis brancas ou máis verdes? Cantas pillaches ti? cantas máis (ou menos) ca min?

0 comentarios:

Publicar un comentario